15 feb 2007

Pequenos paraísos

De http://ivanpuentes.com/


Divagando pola rede, cheguei a ¡Hay que salvar Ponzos!, un blog centrado na protección desta praia ferrolá e do seu humidal, zoa de especial protección para as aves (ZEPA) e lugar de importancia comunitaria (LIC). De que hai que salvala? Pois da súa inclusión inicial no borrador do Plano Galego de Acuicultura, xunto con outros moitos espazos do noso país, como posible ubicación para unha piscifactoría; hai xa un proxecto concreto dunha grande empresa que pretende instalar aquí unha planta de engorde de rodaballo.

Ponzos, ó pe do Cabo Prior, é dos poucos anacos de costa absolutamente virxe que conservamos, un lugar dunha riqueza ecolóxica incalculable e, xa máis sentimentalmente, unha ampla praia da que aínda se pode gozar en contacto directo coa natureza, sen as masificacións típicas doutros areais; un recuncho que, ademais de sol e auga, proporciona relaxación e liberdade, é das pouquísimas zoas nudistas que aínda quedan.

Vaia dende aquí todo o meu apoio para salvar ponzos e para impedir que industrias, que se poden instalar perfectamente noutros lugares, destrocen pequenos paraísos como este.

(Actualizado ás 20:34 do 13/02/2007:)

Con respecto a algún comentario que relaciona contradictoriamente este post cun de Lage sobre Plano Galego de Acuicultura, quero apuntar tres cousas: 1. A miña posición, coincidente coa do PSdeG, sobre o desenvolvemento da acuicultura en Galicia é a que expón perfectamente Lage, compatibilizar esta actividade coa protección do litoral 2. Ponzos está incluído no BORRADOR dese Plano Galego de Acuicultura, do que se trata é de que non estea no Plano definitivo 3. A Consellería de Pesca xa ten manifestado que non incluirá nese Plano final ningún espazo protexido.

Polo tanto, non hai contradición, aínda que se a houbese nada pasaría, entre o que dicimos Lage e máis eu e, o máis importante, hai moitas posibilidades de que a Consellería elimine o humidal de Ponzos do Plano Galego de Acuicultura.

Actualizado ás 09:08 do 14/02/2007:

Lage, quen ademais de amigo e blogueiro é o voceiro de pesca do PSdeG no Parlamento de Galicia, escribiu unha anotación no seu blog na que deixa clara a decisión da Consellería de Pesca de non incluír ningún espazo protexido, e polo tanto tampouco Ponzos, no Plano Galego de Acuicultura.

Non sei se Lage estará de acordo, pero atreveríame a dicir que con estes artigos e comentarios case asistimos a unha interpelación parlamentaria virtual, con iniciativa popular incluída. Creo que é un bo exemplo de como o blogomillo pode valer á política e á relación dos políticos cos demais cidadáns e cidadás. Noraboa polo teu traballo, Lage.

No hay comentarios: