9 feb 2007

Ponzos - Ouro, prata e verde

Mirade o vídeo de Ponzos grabado pola SGHN de Ferrol

6 feb 2007

Mar de Ponzos: Os marmulos



Fucus vesiculosus L.


Coñecemos de vello as propiedades mediciñais destas algas que as mulleres de Covas empregan en cataplasmas, despois de cocidas, contra as doenzas musculares, reumáticas e de ósos. Disque tamén contra o bocio e a obesidade, coma abono para a terra e para a alimentación animal. Son ricas en vitaminas, oligoelementos e sales minerais, especialmente en iodo (todo Ponzos é un manantial de iodo), e daí lles vén o seu poder antibiótico, antifúnxico, antibacteriano, remineralizante e laxante.

O que non coñecíamos era o emprego destas boticas flotantes como bioindicadores en estudos sobre contaminación mariña. Cando a polución aumenta, os marmulos desaparecen. En Ponzos son abondosos. Que siga a ser así.

O BNG pide ao Goberno que se posicione sobre a piscifactoría de Ponzos

De Diario de Ferrol (06/02/2007)

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez, presentou unha pregunta ao Goberno na que pide ao Ministerio de Medio Ambiente que faga pública a súa posición ante a posible afectación da costa ferrolá da zona de Ponzos (Covas) pola instalación dunha piscifactoría.

Rodríguez lembra que existe intención por parte dunha empresa familiar galega, o grupo Isidro de la Cal, de asentar unha planta de engorde de rodaballo na costa próxima á praia de Ponzos, "un lugar -subliña- que está dentro da Costa Ártabra, espazo de interese comunitario".

Neste sentido, o deputado nacionalista salienta que "á marxe de que sexa a administración autonómica a que confirme se cabe esta explotación de acuicultura dentro do plano sectorial de parques de tecnoloxía alimentaria", o Ministerio de Medio Ambiente terá tamén que informar por ser competente no dominio público marítimo-terrestre.

O parlamentario pregunta pola súa posición ao Ministerio, e sobre cal é o nivel de protección desta zona e cantos proxectos de parques de acuicultura en Galicia están pendentes de informe na Dirección Xeral de Costas.