Verdegaia reclama a intervención da Xunta na conservación do patrimonio ambiental
De Diario de Ferrol (29/01/2007)
Sen a decidida intervención da Xunta algúns dos espazos protexidos da costa ferrolá, como a zona de Covas, poden variar a súa situación ante os proxectos que están a desenvolverse na actualidade. Así o sinalaron onte os membros da entidade ecoloxista Verdegaia. Un grupo deles levou a cabo un roteiro explicativo nos espazos protexidos da Rede Natura en Santa Comba, Sartaña e Ponzos. A xuízo desta asociación ecoloxista, os perigos que afectan a esta parte da costa ferrolá son "a concentración parcelaria de Covas, a creación dun campo de golf e a proxectada granxa acuícola na zona de Ponzos". Para esta entidade, existe o perigo de que "nestes casos os intereses particulares sexan posto por enriba dos xerais".
Un grupo formado por 35 ecoloxistas convocados pola asociación Verdegaia levaron a cabo durante a mañá de onte un paseo informativo que os levou a percorrer parte da costa de Covas sinalando os proxectos que poden afectar ao chamado LIC (Lugar de Interese Comunitario) Costa Ártabra, integrado na Rede Natura 2000. Segundo un dos membros da entidade ecoloxista, Antón Fortuna, "o percorrido tratou de subliñar a importancia medioambiental de habitats naturais, dunares e humedais, deste espazo que está tan ameazado". Precisamente, no momento de saír desde Marmadeiro, a comitiva atopouse cun piloto facendo motocross nun espazo dunar.
Para Fortuna, "os grandes problemas deste espazo da Costa Ártabra son o proxectado campo de golf, a concetración parcelaria de Covas e a piscifactoría en Ponzos, que vai representar un novo problema para o noso mar e un considerable impacto para este espazo da Rede Natura 2000".
Acerca deste proxecto, a entidade ecoloxista dirixiuse cara ás inmediacións da praia de Ponzos onde a empresa Isidro de la Cal ten proxectado instalar unha granxa acuícola en 390.000 metros cadradosA entidade ecoloxista fixo un chamamento á Xunta de Galicia para que "cando teña que reunirse con empresarios do sector teña en conta tamén as demandas de quen tratamos de preservar os espazos naturais e non velos só como lugares destinados ao lucro dunha minoría".
Verdegaia lembroulle á Xunta que en Europa xa existe "xurisprudencia respecto de espazos protexidos polo seu interese medioambiental para que non fosen recualificados e variar o solo rústico. Non se pode saltar a lei, e a galega non está por enriba da europea". Para o grupo ecoloxista, "todo é de sentido común e a Xunta debe ofrecerlle ás empresas lugares para asentarse, pero non en espazos protexidos, como esta zona da costa ferrolá. A nosa Administración debe saber parar as presións de Stolt Sea Farm, Isidro de la Cal ou Pescanova en aras dun interese ambiental que afecta a todo o mundo".
No caso de que a situación destes espazos continúe sendo ameazada, Verdegaia xa advertiu que pensa "iniciar toda canta campaña sexa necesaria e presentar as alegacións pertinentes para manter o interese xeral por enriba do particular".
1 comentario:
No se puede permitir este atropello. ¿Para qué hay leyes de protección medioambiental si después se las pasan por el arco del triunfo?
Publicar un comentario